Hai despedidas que se escriben con palabras, pero tamén co corazón. E esta é unha delas.
Hai catro anos comezamos un camiño xunt@s. Algúns chegastes cun pouco de timidez, outros con mil historias que contar, pero todos chegastes cunha mochila chea de soños. Desde entón compartimos milleiros de momentos: risas, xogos, excursións, aprendizaxes, apertas, nervios antes dun exame, alegrías e tamén algún que outro día difícil que soubemos superar xunt@s.
Durante estes anos vinvos medrar diante dos meus ollos. Vinvos facervos máis valentes, máis responsables, máis xeneros@s. Vinvos axudar a un compañeir@, secar algunha bágoa, celebrar os éxitos dos demais e descubrir pouco a pouco a marabillosa persoa que cada un leva dentro.
E, aínda que moitas veces fun eu quen vos ensinaba, a verdade é que vós tamén me ensinastes moitísimo. Recordástesme a importancia da ilusión, da sinceridade, de rir polas cousas pequenas e de mirar o mundo con curiosidade.
Hoxe pechamos unha etapa moi importante. E, aínda que me emociona vervos seguir adiante, tamén sinto un pequeno nó na gorxa ao pensar que xa non compartiremos cada mañá, cada conversa e cada aventura na nosa aula.
Quero que saibades algo que nunca debedes esquecer: estou moi orgullosa de cada un de vós. Non polas notas nin polos traballos, senón polas persoas nas que vos estades convertendo. Persoas boas, únicas e especiais.
Cando pasen os anos, quizais esquezades algunhas leccións, algúns exercicios ou algunhas datas. Pero espero que nunca esquezades canto se vos quixo nesta clase e canto significastes para min.
Levo o voso cariño gardado nun recuncho moi especial do meu corazón. E estou segura de que, pase o tempo que pase, cada vez que pense en vós sorrirei ao lembrar estes catro anos marabillosos que vivimos xunt@s.
Seguide medrando, soñando e crendo en vós mesmos. O mundo agárdavos e estou convencida de que faredes cousas marabillosas.
Grazas por deixarme ser a vosa profe.
María
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Por favor deixa sempre o teu nome para que saibamos quen nos escribe. Moitas grazas!!